© Google Earth Pro

Xeografía e localización de Bemil

A Parroquia de Bemil está situada no concello pontevedrés de Caldas de Reis. Está localizada ao noroeste da capital do concello, limita ao norte co Concello de Catoira e coa parroquia de Santa Mariña de Carracedo; ao leste coas parroquias de San Clemente de Cesar e Santo André de Cesar; ao sur coas parroquias de Santo Tomé e Santa María de Caldas e co Concello de Portas; e ao oeste coa parroquia de Santo Estevo de Saiar.

Os seus lindes leste e sur están remarcados polos cursos dos ríos Bermaña, afluente do Umia, e Umia respectivamente. E toda a parroquia está cruzada de noroeste a sueste polo río Follente, tamén afluente do Umia, e os afluentes do Follente denominados Rego de Gabián e Rego da Pedra Torta. No límite coa parroquia de Saiar, no nacemento do Rego de Cardín na ladeira do Xiabre, atópase a coñecida como “Ferida da Auga” ou “Frida D’Auga”, unha fervenza que é un referente na paisaxe desta zona e que vese resplandecer dende o val cando leva moita auga.

O Monte Xiabre localizado ao oeste, e formando a linde con Catoira e Vilagarcía de Arousa, determina tamén a topografía da parroquia con acusados cumios de máis de 600 m que baixan en pendente cara a depresión do Umia. O refraneiro popular do lugar di sobre estes cumios “cando o Xiabre pon a monteira, chove anque deus non o queira”.

A topografía da parroquia está marcada pola depresión que forma o río Umia cubrindo toda a metade leste e as estribacións orientais do monte Xiabre. A depresión do Umia é un espazo chan que, xunto á Depresión Meridiana de Galicia, permite o fácil tránsito polo seu territorio de sur a norte; de feito, as grandes vías de comunicación históricas e recentes pasan por aquí (Vía romana XIX, Camiño de Santiago Portugués, Estrada Nacional 550 e Autoestrada AP9).

A parroquia conta na actualidade con 845 habitantes repartidos entre os lugares de A Canle, A Lavandeira, As Veigas de Almorzar, Follente, Outeiro e Paradela. Xunto coas restantes parroquias do Concello de Caldas de Reis e outros municipios limítrofes, pertence á comarca de Caldas de Reis. Amosa un poboamento disperso ao longo da parroquia e máis concentrado nos terreos da depresión do Umia achegados ao casco urbano destacando entre eles o de Outeiro e Follente e xa no norte o de Paradela. Estes núcleos rodean unha importante zona boscosa administrada pola súa veciñanza de xeito mancomunado a través da Comunidade de Montes en man Común de Bemil e da Comunidade de Montes e Man Común de Paradela.
(fonte: http://www.caldasdereis.com).

Mensaxes