Presentación

Dende a Asociación veciñal “Somos San Xusto”, co apoio da “Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Bemil” e da Deputación de Pontevedra, quixemos poñer en valor o Patrimonio Cultural da nosa parroquia mediante a creación desta web, entre outras accións.

Unha iniciativa inédita para a nosa área xeográfica que leva por nome “PORTAL DO PATRIMONIO CULTURAL DE BEMIL”.

Un dos principais obxectivos é a valorización do patrimonio cultural, do rico patrimonio arqueolóxico, histórico e etnográfico que nos rodea, enriquecido por un patrimonio inmaterial, que crean un forte carácter identitario e vínculos entre a veciñanza. Lamentablemente non sempre somos conscientes do seu valor, polo que ferramentas deste tipo son especialmente necesarias.

Por iso, planeamos a creación desta páxina web con obxectivos divulgativos, educativos, identitarios e turísticos, aproveitando a oportunidade que nos brindan as tecnoloxías da información e a comunicación, e co afán de estender a nosa mensaxe por fora das nosas fronteiras territoriais, sabedores da proxección que pode acadar unha proposta deste tipo a través da rede.

Con esta iniciativa queremos facer un convite, a todas as persoas interesadas no Patrimonio Cultural, veciñas e alleas, para que coñezan e desfruten da nosa contorna.

Ademais de atopar información sobre os diferentes elementos inmobles e arqueolóxicos, poderedes coñecer a rica e variada cultura inmaterial a través de relatos e tradicións, importantes e relevantes por se mesmas, como é o caso da Festa do Ramo.

Na páxina pódese navegar, a través dun plano de localización, por cada un dos diferentes elementos que forman o patrimonio que nos rodea, obtendo información visual e textual para poder interpretar cada un dos xacementos e inmobles que posúe a parroquia de Bemil.

Sen máis, congratulámonos xunto coa Comunidade de Montes en Man Común de Bemil promotora, con nós, desta iniciativa e coa Deputación de Pontevedra, quen axudou economicamente a través das SUBVENCIÓNS E AXUDAS DIRIXIDAS A ENTIDADES PARA AS ACTIVIDADES CULTURAIS DO ANO DO PATRIMONIO 2017 para que este proxecto sexa unha realidade.

Moitísimas grazas por acceder á nosa páxina, desexando que gocedes do noso patrimonio cultural.

Mensaxes