Estruturas defensivas do Castro de Follente

Historia de Bemil

 

Prehistoria

A ocupación máis antiga de Bemil documentada a través dos restos arqueolóxicos a teriamos no neolítico en torno aos 3.500 anos a.C., cando se constrúen os monumentos funerarios en forma de mámoas de Monte do Castro, con tres construcións formando unha necrópole e o exemplar de Agra do Conde, detalladas nesta páxina. Estes restos testemuñan a domesticación e apropiación do medio polo ser humano e o desenvolvemento dunha relixión asociada ao culto á morte, incluíndo a Bemil na esfera cultural de toda a fachada atlántica europea durante esta época.

O resto prehistórico máis destacable polo seu valor arqueolóxico é o coñecido como “Tesouro das Silgadas ou de Caldas de Reis”, datable na Idade do Bronce e atopado na parroquia de Bemil, concretamente na finca das Silgadas no lugar de A Canle, ao que facemos referencia nesta páxina. A ocupación da contorna durante a Idade do Bronce queda testemuñada ademais pola existencia de petróglifos na veciña parroquia de Saiar, o coñecido santuario rupestre de Laxe dos Bolos, na ladeira leste do Monte Xiabre.

A historia da parroquia está ligada á propia historia de Caldas de Reis a quen pertence. Durante a prehistoria recente foi a terra dos Cilenos, unha tribo prerromana citada polos xeógrafos romanos como habitantes destes lugares; poida que fosen os Cilenos os construtores e habitantes dos castros que rodean o municipio e que teñen en Bemil dous exemplos nos Castro de Follente e o Castro de Paradela/Outeiro ou dos Tres Picos.

 

Historia Antiga

Esta tribo dos Cilenos foi quen lle deu nome á “mansio” romana (apeadeiros e lugares de descanso ao longo das vías) da vía XIX, segundo cita do xeógrafo romano Antonino (créese que no século III d. C.) no seu itinerario das vías romanas. O nome de Aquis Celenis fai clara referencia ao nome dos seus habitantes e á calidade das augas termais que se atopan na vila. A vía cruza a parroquia de sur a norte e transformase na Idade Media en Camiño de Santiago.

Imaxinamos que en Bemil, durante estes tempos da romanización, o asentamento non estaría tan desenvolvido como no núcleo da vila e a poboación reduciríase a pequenos asentamentos rurais dedicados á explotación agraria e gandeira. Aínda que sabemos que o Castro de Follente mantivo a ocupación durante os primeiros tempos da romanización e ata o século I d.C. funcionando posiblemente tamén como un núcleo comercial e de redistribución de mercadorías que chegarían maioritariamente por vía fluvial.

Polo tanto, é tal a importancia da vila de Caldas durante a romanización que non desbotamos a idea de que no futuro poidan aparecer asentamentos destacados nos seus terreos hoxe achandados por baixo do subsolo á espera da súa descuberta.

A creación da Mansio e o camiño xunto coas augas termais fan medrar unha vila que foi quen de converterse en sé episcopal durante o medievo, e así queda citado nas actas do Concilio de Lugo do ano 569, cando se traslada a Iria. Un dos seus fitos é a celebración na vila dun sínodo no ano 447 por orde do Papa San León. Seguramente xa dende esta época (e ata o século XVI) forma parte do señorío pertencente á Igrexa Compostelá.

 

Idade Media

A historia de Caldas queda marcada na Idade Media polo nacemento do “emperador”, Alfonso VII, fillo de Raimundo de Borgoña e dona Urraca I, raíña mitificada na cultura popular de Galicia. O Camiño cara Santiago segue no seu apoxeo, o que se reflicte na construción de diferentes templos románicos ao longo do seu trazado, no caso de Bemil a Igrexa de Santa María está construída neste estilo románico propio do século XII.

Sta. María de Bemil. S.XII

O arcebispo Xoan Arias no século XIII (ano 1254) establece os lindes deste coto xurisdicional delimitado entre os lugares de Eirín (Santa María de Caldas de Reis), Nodar (Cesar), Follente e Outeiro (estes dous últimos en Bemil); dentro deste linde os habitantes quedaban eximidos do pago de determinados tributos, equiparándoos cos burgueses das vilas de Santiago ou Pontevedra (fonte: Gran Enciclopedia Galega, Santiago 1974).

 

Época Moderna

A principios da Idade Moderna a vila de Caldas está dividida en cotos xurisdicionais pertencentes a diferentes propietarios, onde os señores feudais, vinculados ao antigo réxime, exercían o seu poder e cobraban tributos e foros. Entre eles é importante o Couto das Silgadas, no lugar de A Canle (Bemil), vinculado á liñaxe dos Bermúdez de Castro (ver máis detalles na ficha da Casa-Torre do Couto de As Silgadas). Esta linaxe e casa das Silgadas, perpetúa a tradición deste lugar como centro de poder dende alomenos a Idade Media.

Dependente deste couto é a Granxa do Outeiral, tamén en Bemil, máis tarde propiedade dos Bermúdez Mariño. Nos primeiros anos do 1.700, Pedro Antonio de Gaioso Aldao Castro e Reino, chegará a ser señor das Silgadas, outorgándoselle o título de Conde Gaioso, de xeito que xa no ano 1725 pódese constatar que o vieiro que comunicaba este lugar coa vila de Caldas recibe o nome de Carreira do Conde.

Pero volvendo ao S. XVI, no ano 1.581 o rei Felipe II pon en venda os dereitos da vila de Caldas. A importante liñaxe de A Canle poxará por eses dereitos, pero serán os veciños da vila con opción de compra quen consigan adquirilos converténdose en vasalos directos do rei, con dereitos e protección real. Deste xeito, a vila deixará de estar sometida a xurisdición do arcebispo de Santiago e noméase “Vila de Realengo”, agás a Torre de Dona Urraca que se mantén baixo de xurisdición arcebispal, instalándose no seu territorio numerosas casas nobres.

É entre os séculos XV e XIX, principalmente durante o S. XVII, cando se constrúen a maior parte dos muíños nos ríos galegos. Os ríos que sucan a parroquia de Bemil presentan bos exemplos deste tipo de construcións que supoñen, non só a primeira transformación industrial das paisaxes de ribeira, senón tamén o reflexo da importancia do cultivo de cereal na contorna.

Do S. XVII data a fundación da capela dedicada a Santo Antonio de Padua no lugar de Paradela. Agora ben, descoñécese si o que se produce é un reacondicionamento dunha construción anterior cunha nova advocación, ou si o cambio de advocación se produce posteriormente, no S. XIX, en favor da Nosa Señora do Bo Consello, que é como actualmente se coñece.

O rexistro das viaxes do Padre Sarmiento a Galicia a mediados do S. XVIII, recolle en distintas ocasións os camiños que pasan por Caldas. O 28 de outubro de 1754 detalla a súa viaxe de Vilaxoán a Caldas, para seguir cara a Padrón, e entre diferentes lugares relata: “Vega de Almorzar, bellísima vega de pan llevar, que tienen el mediodía el río Umia y Avermaña. Es muy larga y varios de varias feligresías tienen en ella parte. Entrase por dentro de ella. Es llana. Ponte das Cabras para ir al Puente Avermaña, ya en Caldas”. Describe así un dos lugares característicos da parroquia de Bemil, cunhas condicións topográficas consecuencia da plataforma fluvial que permiten un tránsito doado e xeneran un uso do solo de agricultura intensiva, que a día de hoxe mudou cara un tamén intensivo uso residencial e industrial.

 

Época Contemporánea

Outro acontecemento salientable que fai referencia á parroquia de Bemil prodúcese no 1.809 durante a invasión francesa polas tropas napoleónicas. Na famosa Batalla de Casaldeirigo (Setecoros, Valga) participaron tamén veciños de Bemil que acudiron con prontitude ao sentir a ameaza ás portas do seu territorio. En documentación parroquial recóllese que as tropas napoleónicas levaron a cabo roubos na parroquia, causaron danos na Igrexa, na capela de Paradela e noutros inmobles e asasinaron incluso a algúns veciños. Poida que a chegada das reliquias do mártir San Xusto á parroquia no ano 1.832 veña a resarcir estas penalidades.

Nos anos trinta do século XX as xentes de Bemil vense involucradas na gran batalla económica e política do goberno español en torno ao mineral do wolframio. Unha rocha que, mesturada nas aliaxes na fundición do aceiro durante a fabricación de armas, reforzaba a dureza dos tanques e proxectís no contexto da IIª Guerra Mundial. A demanda do mineral por parte de Alemaña e Inglaterra dispara os prezos e convertese nunha produción moi lucrativa á que non estivo Bemil allea pola existencia de betas deste mineral ao longo da súa xeografía. Deste xeito explotáronse canteiras para o tirado de volframio, foi unha actividade moi común e case febril de aproveitamento maioritariamente particular, deixando como legado innumerables minas abandonadas polos montes da parroquia.

Un reflexo das transformacións deste século XX é tamén a profunda reconstrución da estrutura da igrexa parroquial nos anos 50, promovida polo párroco D. Guillermo Magán Ferro. A nave central e as capelas laterais son reconstruídas case de maneira integral, mantendo unicamente intacto a ábsida románica da cabeceira da igrexa. Tamén no exterior o adro aumenta a súa superficie cara o sur, construíndo un novo muro de contención máis amplo coa axuda dos canteiros de Paradela e dos mozos da parroquia.

A principios dos anos noventa a construción da Autoestrada AP9, que cruza a súa xeografía de sur a norte a través dos seus cumios dividíndoa en dous sectores, amosase coma outro fito relevante na historia da parroquia. O trazado do gasoduto Valga-Tui fixo o propio durante esa mesma época, entorno ao ano 1997. Foron moitos os terreos expropiados para a construción desas infraestruturas. Xa a comezos deste século, a construción da circunvalación de Caldas afectou novamente á parroquia, destruíndo o enlace norte a coñecida como “Carballeira dos Xitanos”.

Xa na actualidade, Bemil configurase cada vez máis coma unha zona principalmente residencial e forestal, aínda que se mantén en certa medida a explotación agraria e moitas das industrias de Caldas localízanse no seu territorio distribuídas principalmente entre os lugares de As Veigas de Almorzar, Outeiro e Paradela.

Foto da "Estela dos Lexionarios ": wikimedia .

Foto da wolframita: Alchemist-hp


Mensaxes