Prácticas curativas na fonte de Angenido

A Fonte de Angenido era un manancial, hoxe desaparecido, situado no lugar do Outeiro, parroquia de Bemil, e que nacía aos pés da aba sueste do outeiro onde se localiza a igrexa parroquial de Bemil, moi preto da antiga “Carballeira dos Xitanos” (nome popular).

Segundo as descricións recollidas en entrevista mantidas cos veciños do lugar do Outeiro, o manancial abrollaría entre unhas pedras e a auga era conducida ata unha pía de pedra a través dun cano lonxitudinal feito tamén de pedra e dotado dunha canle labrada no medio da peza. Describen a pía da fonte como unha estrutura rectangular duns 80 cm de longo, por 35 cm de ancho e uns 25 cm de fondo. A auga que rebordaba da pía conducíase por un rego ata un pozo grande de regadío.

O rito do Angenido: A Fonte do Angenido está asociada á práctica de ritos curativos para tratar a doenza infantil coñecida popularmente como enganido, anganido, anguenido, inguinio, arangaño ou tangaraño. Hoxe en día, esta doenza asóciase á anemia ou ao raquitismo. O rito tiña dúas partes, unha que se celebraba na fonte e outra que se celebraba no templo parroquial.

Os nenos ou nenas enfermos de anguenido eran levados a este manancial polos seus familiares, case sempre mulleres, a primeiras horas da maña. Alí lavábase ao neno enfermo na pía da fonte. As roupas coas que chegara o neno á fonte desbotábanse e deixábase penduradas nas silvas da contorna para que o Sol e o tempo as fose desfacendo. Despois levábase a criatura á igrexa de Bemil onde se celebrada a segunda parte do rito.

Ata o ano 1940, a ritualidade consistía na imposición da estola do cura sobre a cabeza do enfermo e en pasar ao cativo baixo o altar da Virxe das Neves, un pequeno altar situado na capela sur, dúas ou tres veces.

Entre os anos 1934 e 1940 o rito mudou e derivou no acto simbólico de meter e sacar nove veces o neno nun caixón ou bandexa para roupa do moble da sancristía onde se gardaban as roupas de misar do cura. Este grande moble de castiñeiro aínda se conserva en perfecto estado. Durante todo o ritual rezábanse oracións e finalizado o rito vestíase a crianza con roupas novas.

Moble da sancristía de Santa María de Bemil

 

A auga da fonte: Un dato curioso sobre o que fan fincapé algúns informantes, e que pon en relación esta fonte con moitas outras fontes de augas prodixiosas que aparecen polo país, é a crenza de que a temperatura da auga variaba de xeito inverso á climatoloxía, é dicir, que botaba auga moi fresca no verán e morna no inverno.

Outro dos aspectos significativos que cabe salientar respecto deste manancial é que, existe a crenza popular de que a auga que alimentaba o manancial da Fonte do Angenido nacía debaixo do altar da igrexa parroquial de Bemil. Atribuírlle propiedade extraordinarias a fontes que nacen baixo igrexas e ermidas é un feito habitual en Galicia.

A sacralizade do espazo e do chan onde se erixe un templo cristián e o poder simbólico que este emana outorga ás fontes que nacen nos santuarios e, máis aínda, ás que nacen baixo os templos propiedades purificadoras e sandadoras especiais.

 

(Fotos: Rafael Quintía Pereira, A Fonte do Anghenido de Bemil. Ritos e tradicións ao redor dun manancial curativo)

 

 

 

Mensaxes