Quen eran estas persoas?

Hai xa máis de 7.000 anos, nos montes de toda Galicia, como é o caso dos Sete Camiños, instalouse unha cultura avanzada que coñecía a domesticación do gando e os vexetais. Todo isto coñecémolo grazas as investigacións arqueolóxicas que deron a chamar a este momento da nosa prehistoria como o Neolítico.

Estas persoas que vivían nos Sete Camiños cultivaban cereais de orixe mediterránea: trigo, verza, faba, chícharos, lentellas… E pastoreaban vacún, sobre todo, utilizando este gando como animal de tiro e para aproveitamento leiteiro, aínda que tiñan tamén ovellas, cabras e porcos.

A dieta estaría ademais complementada pola recolección de vexetais silvestres: landras, abelás… e en menor medida pola caza. Destacando, asemade, o aproveitamento dos recursos costeiros.

Practicaban unha agricultura que aínda non estaba desenvolvida de carácter intensivo, que esgotaba os terreos en períodos relativamente curtos. Esta forma de vida facía que as tribos tivesen que competir polos territorios mellores para o cultivo e o pastoreo, con mellores recursos para vivir; o que se plasmou nunha serie de fitos e marcos territoriais indicativos dos territorios e as propiedades de cada grupo humano (as mámoas e os petróglifos poderían ser exemplos desta demarcación territorial).

Posúen unha relixión moi desenvolvida e coidada baseada no culto á morte, que se reflicte nos grandes soterramentos colectivos en forma de mámoas e dolmens. A produción de vexetais fainos coñecedores dos astros e a influencia destes sobre as colleitas e a vida das persoas, e este coñecemento acaba reflectíndose tamén na súa relixión.

Como símbolo da colectividade constrúen grandes mausoleos de pedra e, sobre todo, terra, emulando á natureza e as covas naturais, para soterrar as persoas defuntas. Nun alarde de traballo colectivo que demostra a cohesión social e ideolóxica entre todos os membros que conforman esta sociedade.

O inicio da nosa historia comeza, como dicimos, alá polo 4500 a. C., hai xa máis de 7000 anos pero continúa desenvolvéndose ata o 1000 a. C. Como é lóxico e de imaxinar neses 4000 anos nos que dura a ocupación prehistórica de Sete Camiños pasarían moitísimas cousas e evolucionarían as ideoloxías e as relixións sen dúbida.

O máis importante troco nas sociedades campesiñas que ocupan o noso territorio foi a implantación da metalurxia, en torno ao ano 2.500 a.C.

O primeiro metal que aparece no rexistro arqueolóxico é o cobre e máis adiante prodúcese un cambio cuantitativo coa invención do bronce, froito da aliaxe entre o estaño e o cobre.

Coa chegada das ferramentas e as armas de metal implantouse o individualismo; as persoas posuidoras das novas armas metálicas encumiáronse sobre os demais, facéndose xefes militares. A investigación arqueolóxica fala da implantación dunha casta de guerreiros.

As novas tecnoloxías producen incrementos de poboación e aínda maior competencia sobre os territorios como consecuencia da necesidade de roturación de máis extensións de terreo para cultivar.

Nesta conxuntura de inestabilidade social xorden os petróglifos, coma unha evolución da relixión anterior onde os colectivos pretenden apropiarse dos territorios indicando ao resto e aos deuses a súa existencia.

Debuxan e enmarcan as súas armas nos penedos como un símbolo disuasorio sobre os posibles visitantes alleos que se acheguen.

Unha iniciativa de: