Declaración de vontades

O Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños xurde coma unha necesidade imperante propiciada polas agresións lentas e continuadas cara aos recursos patrimoniais e naturais do espazo natural e arqueolóxico que supón o contorno dos Sete Camiños.

Este feito observado dende hai xa anos por diferentes colectivos veciñais e sociais de Pontevedra e Marín propiciou unha onda de simpatías e achegamentos cara esta paisaxe cultural ameazada, plasmados en diferentes propostas e iniciativas que agora, co abandeiramento das comunidades de Montes de Lourizán e Salcedo de Pontevedra e San Xulián de Marín, chegan a callar neste proxecto que presentamos.

Congratulámonos de que sexa a propia veciñanza do lugar quen protagonice a iniciativa, que é a maior coñecedora do seu espazo inmediato, aglutinador da súa cultura e da súa identidade.

Queremos que este cruce de sendeiros que representa Sete Camiños se converta nun cruce de vontades e de aprecio polo monte e polo patrimonio herdado dos nosos ancestros.

Nun espazo de reducidas dimensións atopamos unha concentración inusitada de elementos patrimoniais que nos remontan cara as culturas máis antigas e recoñecidas da prehistoria de Galicia, enterramentos colectivos, mámoas, e gravados rupestres, petróglifos, con máis de 6000 anos de antigüidade. Todo isto enmarcado nun espazo natural singular cunha destacada visibilidade sobre a ría de Pontevedra e o val do Tomeza.

O sentido común e as intencións certamente elevadas deste proxecto poden prevalecer sobre as cuestións de carácter localista e sobre os diversos enfoques que haxa encol do monte comunal. Vogando na mesma dirección e unindo esforzos será posible sentar as bases dun futuro mellor para as xeracións vindeiras, ás que lles legaremos un conxunto de bens patrimoniais de valor considerable, recuperados e ben conservados, non esquecidos e destruídos.

Os xacementos arqueolóxicos adquiren así un papel protagonista nunha explotación do monte sostible e baseada nos recursos propios.

 

Unha iniciativa de: