Os Petróglifos

Froito dunha evolución lenta e continuada vaise impoñendo a metalurxia entre as nosa xentes do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

O “xamanismo” implantado dende o neolítico evoluciona cara a novas representacións, neste caso artísticas; temos que lembrar que durante o megalitismo se producen xa as primeiras manifestacións neste sentido nas propias pedras que albergan as cámaras funerarias. A partir dos novos tempos da metalurxia estas representacións se sacan ao exterior das tumbas e comeza a “decorarse” a paisaxe inmediata aos poboados. As máis coñecidas e representativas destas imaxes artísticas gravadas nos penedos son os petróglifos.

Atribúeselles unha cronoloxía entre 2.500-1.700 anos a.C., correspondentes aos períodos culturais Calcolítico e Bronce Inicial, sobre todo por algunhas representacións de armas que teñen aparecido, aínda que a maior parte das veces se trata dunha arte esquemática sen paralelos en obxectos reais recoñecibles.

Esta nova ideoloxía que leva a decorar os penedos está tamén extendida por toda Europa: dende Escandinavia (Alta, Noruega; Tanum, Suecia), Italia (Val Camonica), Irlanda (Kerb), ou mesmo lugares tan remotos como Australia, Sudamérica ou África. Parece que nun estadio social semellante as persoas representamos o mesmo tipo de símbolos e gravados.

Entre a investigación arqueolóxica coñecese como “grupo galaico de arte rupestre”, e estaría relacionado coa rexión atlántica e o arraigado atlantismo das culturas do Neolítico e dos inicios da Idade do Bronce.

As creacións artísticas son moi variadas, o grupo maior é o representado polos símbolos abstractos, en forma de círculos concéntricos (coñecidos comunmente como combinacións circulares), liñas, puntos (chamados cazoletas ou coviñas)… Tamén atopamos labirintos e espirais, aínda que estas representacións, pese ao que poida parecer, non son tan comúns.

Existen tamén zoomorfos, antropomorfos, retículas, cruces, etc.

Hai un caso singular que son as representacións de armas, como o caso das que se poden observar no Conxunto Rupestre do Pornedo no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, non son moi comúns pero o seu “realismo” axudou para a identificación da cronoloxía dos gravados, xa que os exemplos representados se podían comparar cos atopados durante as intervencións arqueolóxicas.

Unha das características que máis chama a atención sobre a investigación é o seu emprazamento: se están representados en rochas verticais, horizontais, a rente do chan, etc, influíndo sobre a súa visibilidade e localización.

Para o caso do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños semella que a situación está relacionada con lugares de boa visibilidade e control sobre o seu espazo inmediato, xunto a camiños e orientados cara á vista panorámica do seu contorno.

 

Unha iniciativa de: