Toponimia

 

Escolma das lendas recollidas ao longo das parroquias de Lourizán, Salcedo e San Xulián

 

A Luz dos Sete Camiños

A veciñanza de Salcedo e Lourizán e as xentes que percorrían e traballaban os montes destas parroquias falan dun fenómeno estraño que ocorría na contorna dos Sete Camiños. A lenda ou a crenza falaba de misteriosas luminarias, de esferas de luz que se deixaban ver polas inmediacións deste cruzamento montesío. As xentes falaban da luz dos Sete Camiños, unha misteriosa luz que adoitaba verse transitando polos montes desta zona. Ás veces, á noitiña, outras, a iso do amencer. A luz aparecía de súpeto e desprazábase en liña recta polos cumios. Uns contan que, chegado a un punto, a luz daba a volta e emprendía o camiño oposto. Outros dicían que a luz aparecía e desaparecía ao pouco tempo para aparecer uns minutos despois noutro lugar.

Moitos veciños e veciñas, vencendo o seu medo, subían ata os Sete Camiños para seren testemuños de tal fenómeno. Para algúns era cousa do outro mundo ou mesmo da Santa Compaña, pero non faltaba quen relacionaba esta misteriosa luz cos fanais que levaban na man as leiteiras que transitaban polas corredoiras dos Sete Camiños rumbo, ou de volta, da vila de vender o seu leite. Outros, pola contra, dicían que as luces eran dos contrabandistas que por aquela época da posguerra frecuentaban estes montes. Din que coa chegada do cuartel de Figueirido e a presenza do exército, esta luz foi desaparecendo pouco a pouco pero aínda hoxe en día quedan persoas vellas na parroquia de Salcedo que aseguran tela visto.

Moita xente identificaba este fenómeno coa macabra procesións das ánimas, e así dicía a veciñanza que ía á feira a Moaña, que nos Sete Camiños andaba de noite a Compaña e que se aparecía como unha chea de luces flotando polo aire que ía queixándose polo alto da serra.

 

Os Sete Camiños, lugar de lecer (A Pedra Escorregadoiro)

A Pedra Escorregadoiro é un inmenso pelouro granítico cunha cara en forma de laxe plana e inclinada que descende dende o alto do outeiro ata o chan a xeito de rampla natural. Este penedo era utilizado pola rapazada que subía o gando ao monte como tobogán improvisado onde pasar as longas horas de pastoreo.

Hai moitas pedras escorregadoiras en Galicia, ademais de ser usadas como elemento de xogo, téñenselle atribuído propiedades favorecedoras da fertilidade. Dalgún xeito simbólico, ao refregarse con elas cando se deixaba escorregar pola súa superficie outorgaba virtudes favorecedoras da fertilidade feminina e da virilidade masculina. Como podemos ver, o uso do monte como lugar de lecer non é algo novo, inventado polo mundo urbano e a chamada sociedade do ocio, senón que xa dende antigo a xente usaba o monte, non só como fonte de recursos económicos, senón tamén para estes fins lúdicos, aínda que non fose necesaria a construción de parques forestais ou de áreas recreativas e de lecer.

 

Os camiños dos Sete Camiños: O camiño do leite e o camiño do peixe

Polos Sete Camiños transcorría o Camiño do leite. A rota que diariamente transitaban as leiteiras que viñan dende a Canicouva, Vilaboa, Postemirón e Figueirido cruzando estes montes para chegar ata Marín onde vendían o leite. Tamén ían por estes camiños as leiteiras dos lugares da Armada, Birrete e de Nabalexo (na parroquia de Salcedo). As do lugar do Casal, pola súa localización máis achegada, baixaban directamente a Marín, cruzando a parroquia de Lourizán, polo coñecido como “O Camiño das Leiteiras”, sen necesidade de pasar polos Sete Camiños. As leiteiras adoitaban levar, aparte da lata do leite na man, un feixe de leña na cabeza que aproveitaban para vender na vila mariñeira de Marín.

Ademais, as mulleres que vivían na beiramar, como as dos Praceres, na parroquia de Lourizán ou as de Marín, levaban o peixe en cestas ou patelas a vender polas aldeas e ata a vila de Pontevedra. Se as leiteiras facían o camiño en dirección a Marín as peixeiras facían a rota inversa. Subindo polo Pornedo e o monte de Lourizán e de San Xulián cruzando os Sete Camiños e o monte de San Martiño para vender o seu peixe nas aldeas do alto da ría e da outra banda do Morrazo.

 

O Birreto Vello e os lobos

Segundo algúns veciños e veciñas da Armada, o Birreto tiña un can, un can especial pois era cruce de can e lobo. Un día que ía o bo do home polo monte de San Martiño, aló polo alto dos Sete Camiños, escoitou de súpeto ouvear os lobos que, por aquel tempo, eran frecuentes nesta zona dos montes do Morrazo. Din que ó seu can, cando oíu o terrorífico canto dos seus medio irmáns, espertoulle o seu lado salvaxe e feroz e, sen tempo de reacción, botouse ao seu dono pondo as súas poutas sobre o peito do Birreto nun intento por impedir que o home fuxise do lugar ante a chegada da manda lobeira.

Contan que a intención do can era deter, con todas as súas mañas e forzas, o Birreto para darlles tempo aos seus conxéneres a chegar e, entre todos, dar conta do pobre paisano. O Birreto Vello, ao ver o que se lle viña enriba, tirou da escopeta de posta, que por sorte levaba con el, e espetoulle dous tiros ao seu lobicán. Foi, deste xeito, como o Birreto puido fuxir a tempo de alí e salvarse de ser engulido polos lobos.

 

O Chan das Mouras e o tesouro das tres irmás mouras

A xente conta que no Outeiro das Mouras (algúns concretan que isto sucede na Pedra da Moura, tamén coñecida como Pedra do Fundamento) habitan dúas mouras moi fermosas. Din que estas fermosas damas tiñan por costume ir ao baile a Marín ou á festa, como acontece con calquera moza nova e solteira. Contan que cando regresaban para o monte acompañadas dalgún mozo, pois a súa fermosura era engado para acompañantes, ao chegar un pouco antes da devandita pedra parábanse e non deixaban que os mozos as acompañaran máis aló. Un día un destes pretendentes non fixo caso e seguiunas ata a pedra e cal foi a súa sorpresa cando viu que as mouras que acompañara esa noite se transformaban en serpes arrepiantes e desaparecían na peneda.

Outras veciñas contan que no Outeiro das Mouras saía unha moura moi fermosa e hai quen di que tal prodixio só acontecía na Noite de San Xoán. Polas noites ía un mozo a visitala e ela saía ao seu encontro. Unha día a moura pediulle ao mozo que fose unha noite determinada a visitala. Chegado o día o rapaz acudiu á cita e cando chegou onde ela a moura díxolle: Se me queres de verdade tesme que sacar este caravel que teño na boca. Tan pronto o mozo lle sacou o caravel a moura volveuse un culebrón. E o home fuxiu e non volveu nunca máis polo Chan das Mouras.

Unha iniciativa de: