As Mámoas

Un dos xacementos arqueolóxicos máis representativos do que se pode ver no Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños son as mámoas.

Trátase de enterramentos colectivos de época neolítica, son os xacementos máis antigos do roteiro, construídos hai xa máis de 6000 anos. As cronoloxías máis antigas para estes xacementos correspóndense cos anos centrais do V milenio a.C.

As persoas que habitaban Sete Camiños nesa época posuían unha relixión moi desenvolvida, e estendida por toda a fachada atlántica de Europa, enfocada cara a morte. Este modelo de pensamento facía que as persoas defuntas da colectividade se soterrasen en mausoleos de pedra e terra para a resurrección do seu “espírito” noutra vida.

Para esta nova vida considerábase que a persoa ía necesitar das súas pertenzas e obxectos máis prezados e por iso o enterramento ía acompañado dun rico enxoval composto por todo o que a persoa defunta ía necesitar no alén: machados pulimentados, cerámica, xoiaría, ferramentas, arcos e frechas…

As construcións funerarias consisten nun montículo de terra, coidadosamente seleccionada e cribada: o túmulo ou mámoa, que adoita ter no seu interior unha estrutura feita con grandes pedras, ortóstatos, máis ou menos complexa: a cámara funeraria. No exterior, o túmulo, tamén pode contar cun anel de pedra ao seu arredor ou estar recuberto completamente por unha coiraza de pedras.

Tratábanse case sempre de sepulturas colectivas, pertencentes a un grupo ou familia, normalmente erixidas nas zonas de tránsito dos montes, polo que é frecuente atopalas asociadas a sendeiros e camiños tradicionais.

Coa evolución da agricultura vanse recoñecendo os astros e a influencia destes sobre as colleitas, e en derivación sobre a vida das persoas. Esta relixión dos mortos reflectida nos túmulos xa valoraba a saída e a posta do sol e o recoñecemento dos solsticios, as cámaras das tumbas teñen case todas unha orientación cara ao leste e sueste, á saída do sol, con toda a súa carga simbólica en relación coa iluminación das cámaras funerarias e o “novo nacemento”.

Co paso do tempo as cámaras funerarias evolucionan cara os grandes mausoleos coñecidos como dolmens, no que se deu en chamar cultura megalítica (de mega, grande, e lítos, pedra, literalmente pedra grande). Pero o máis común e representativo da na nosa xeografía inmediata para esta época, e como exemplo temos o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, son as mámoas, un túmulo de terra que alberga á cámara funeraria da colectividade, de dimensións reducidas e máis discretas cos xacementos famosos do período atopados en Bretaña, Portugal e, na nosa xeografía máis inmediata, exemplarizados no concello coruñés de Vimianzo.

Unha iniciativa de: