Localización e Xeografía

O coñecido como Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, Encrucillada do Tempo, está situado no contorno do Monte do Pornedo e dos Sete Camiños, no monte comunal das parroquias de Lourizán e de Salcedo, no Concello de Pontevedra, e no de San Xulián de Marín de Arriba, no Concello de Marín. Neste espazo, cunha área relativamente pequena, atopamos unha importante concentración de xacementos arqueolóxicos e outros elementos do noso patrimonio natural que o converten nun espazo de singular beleza e atractivo cultural.

Así pois, temos que hoxe en día este espazo está dividido entre dous Concellos: Marín e Pontevedra; e tres parroquias: San Xulián, Lourizán e Salcedo. Pero hai que ter presente que o proxecto tamén abrangue terreos do Concello de Vilaboa, que conectan Os Sete Camiños coa Lagoa de Castiñeiras.

O espazo dos Sete Camiños confórmase coma unha penechaira, un espazo relativamente chan na aba do monte que sube cara a Lagoa de Castiñeiras, formando un chanzo a media altura que facilita, e permite hoxe en día, o tránsito das persoas polos cumios do monte.

Atopamos dúas entidades ben diferenciadas remarcadas polos xacementos arqueolóxicos, unha cunha orientación cara a ría (remarcada sobre todo polos xacementos localizados en Lourizán e San Xulián) e outra orientada cara ao val do Tomeza, (cos xacementos de Salcedo como exemplo).

Todo o percorrido vai estar xalonado pola presenza dun mesto mato, representativo do monte galego. Unha mestura de especies introducidas para a produción de madeira e bosque autóctono representado sobre todo polas carballeiras. Asemade, o monte baixo axuda a localizar os xacementos na zona das Apañadas e Outeiro da Mina.

Resalta sobre todo neste espazo a grande visibilidade sobre a ría, representada polos Miradoiros de Pornedo, de Catadoiro... e sobre o val do Tomeza, coas vistas dende As Apañadas e Outeiro da Mina. Nun paseo no que se conviñan os praceres naturais e culturais á mesma escala xerárquica de importancia, e que a bo seguro foi tido en conta polas persoas protagonistas dos xacementos arqueolóxicos.

Facilidade de tránsito, boa achega de recursos, auga abundante, as persoas dende a prehistoria so tiñan que aproveitar o que a natureza lles daba para poder subsistir neste idílico contorno natural.

Pero, quen eran estas persoas?

 

Como chegar

¿Como chegar?

Indicacións precisas e rutas para chegar dende Vigo, Pontevedra, Marín, Salcedo, San Xulián, Lourizán... calquera que sexa o teu punto de partida

 

Unha iniciativa de: