A presente actuación xurdiu da vontade de dar continuidade aos traballos realizados no ano 2018, coma xa se expuxo no proxecto de intervención. Aínda que desta volta a actividade centrouse exclusivamente na recuperación do lousado da ponte, nos achegaremos unha comparativa con aquel momento coa intención de aportar medidas de conservación preventiva, que deberían levarse a cabo con regularidade tanto na contorna coma nos paramentos do ben cultural.
Durante o desenrolo dos traballos sobre Ponte Pedroso tivemos en conta os criterios de conservación internacionalmente aceptados expresados nas diversas Cartas do restauro, o código deontolóxico acordado pola ECCO conxuntamente con tódalas asociacións profesionais e como non, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.
O traballo de conservación tivo en conta a importancia da comparativa entre a diagnose do final da intervención do ano 2018, da utilización de materiais e métodos compatibles, estables e de probada eficiencia; da reversibilidade (dentro do posible, xa que en conservación de inmobles, este termo adquire unha certa utopía), da mínima intervención, do respecto polo orixinal, da diferenciación de elementos novos, da prioridade da conservación sobre a restauración, e por suposto, da documentación de todo o proceso.