Entre os meses de marzo e decembro de 2014, tivo lugar a intervención arqueolóxica da empresa A Citania Arqueoloxía. A necesidade da devandita intervención que motivou os traballos, viu dada porque o ámbito de actuación das obras está cautelado arqueoloxicamente no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra, debido á protección do Conxunto Histórico de Pontevedra (GA36038013) e polo xacemento da Igrexa-convento de Santa Clara (GA36038083).
Esta normativa determina a necesidade de que as obras do Casco Histórico sexan autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
O obxectivo da intervención arqueolóxicaque nos ocupa centrouse, principalmente, en tres premisas: identificación dos sectores con presenza arqueolóxica ou a inexistencia de restos arqueolóxicos, adscrición dos restos, tanto tipolóxica como cronoloxicamente e delimitación espacial dos restos descubertos.
Tralos datos obtidos no control arqueolóxico, pódese concluír que as obras de escavación das novas canalizacións e demais instalacións realizadas non afectaron a ningunha das estruturas agás a E-01 grazas a decisión de abrir en área o ultimo tramo da rúa. Deste xeito, puidemos escavar e documentar novas estruturas que aportaron valiosa información da Pontevedra Medieval/Contemporánea. Á vista da valoración arqueolóxica, resulta evidente que o interese patrimonial da rúa é alto.