Sondaxes arqueolóxicas valorativas no Castelo da Pena, Xinzo de Limia, Ourense.

.

Entre o 29 de agosto ata o 9 de setembro de 2016 Israel Picón dirixiu os traballos de Sondaxes arqueolóxicas valorativas no castelo da Pena. Estes traballos foron promovidos dende o Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, pertencente á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

As sondaxes tiñan como finalidade avaliar as distintas zonas do castelo, tanto do recinto interior coma do exterior do castelo; coñecer o seu perímetro e a secuencia estratigráfica do mesmo nos distintos recintos.

.
.

Durante o traballo de campo abríronse 5 sondaxes arqueolóxicas valorativas repartidas da seguinte maneira:
2 sondaxes no Patio de Armas; na parte N a Sondaxe 4 presentou unhas dimensións de 2 x 2m, e no extremo NL da fortificación, a Sondaxe 5, acadou unhas dimensións de 2,4 x 2 m para documentar o máximo posible dunha estrutura localizada.
2 sondaxes próximas á Torre na metade SW do recinto tal e como foron planeadas no proxecto pero, no caso da Sondaxe 1 ampliouse a súa dimensión tres veces para documentar o mellor posible as novas estruturas -posible porta e muralla-, que se foron localizando, ata acadar unhas dimensións finais de 2,5 x 3,6 m. A sondaxe 2 non sufriu modificacións.
No extremo sur desbotamos a apertura da trincheira situada máis ao Oeste porque o substrato afloraba tras unha simple retirada de herba. Pola contra, decidimos ampliar a chamada Sondaxe 3 ao localizar varios perpiaños que pechaban 2 bolos graníticos e que claramente formaban unha nova estrutura defensiva. As dimensións acadadas foron de 1,5 x 6 m.

.
.

Localizouse unha primeira liña defensiva –moi preto da Torre da Homenaxe- nas sondaxes 1 e na 2. No primeiro caso, descubriuse un esquinal formado por perpiaños de gran porte e boa factura unidos entre si con argamasa. Este esquinal presenta cando menos 1,10 m de altura. 2 perpiaños presentan unha marca de canteiro e unha Cruz que podería está cristianizando o limiar dunha porta que da acceso á Torre ou dunha barbacá. Tamén resulta moi interesante que a do devandito esquinal atópase encostado con outro muro de idéntica factura que se atopa no perfil norleste.

.
.

A sondaxe 2 amosa as pegadas da cimentación escavadas sobre o afloramento granítico da primeira liña de muralla onde se conserva o arranque da primeira liña de muralla cuberto por argamasa de xabre e cal. O arrasamento é total.

A sondaxe 3 localizamos entre 2 batolitos de gran tamaño, os alicerces dunha seteira, elemento defensivo que flanquearía o punto máis feble da fortaleza, reforzando militarmente a súa defensa na parte sur. Esta seteira sitúase seguramente dentro da segunda liña defensiva que actualmente se atopa á vista na parte suroeste do xacemento pegada ás escaleiras que dan acceso á Torre da Homenaxe. A súa configuración é moi estreita cara o exterior e con certo abucinamento interior.
Na 4, non se localizaron estruturas pero si dous niveis moi interesantes (UE06 e UE 07) interpretados como momento de ocupación e construción do castelo respectivamente. Non estamos diante de auténticos pavimentos se non en niveis no que se dispoñen abundantes materiais (tella, ósos, cerámica, carbóns...).

Na sondaxe 5 descubriuse unha estrutura construída directamente sobre o rochedo. Na parte inferior presenta unha apertura que posiblemente servise de taxea para o tránsito de augas cara o exterior. Por motivos de tempo non puidemos ampliar a zona –tanto en profundidade como en extensión- para comprobar se existía algunha canle ou calquera outro elemento que nos aportase información para poder interpretar a devandita estrutura.

Recuperouse 175 fragmentos cerámicos e a partires das tradicións ceramolóxicas recoñecidas, obsérvase un claro predominio da tradición rexional e indeterminada fronte a asturiana ou de tradición sevillana. Tamén se recuperou e documentou 1 Blanca de 2 cornados (vellón) de Juán II de Castela e 1 Dinero (vellón) de Enrique IV de Castela.

 

 

© Citania Arqueoloxía S.L.