Festa do Ramo

 

Durante a conmemoración da Natividade da Virxe María e do Santísimo Sacramento, nos dous primeiros domingos de setembro, celébrase na Parroquia de Santa María de Bemil "A Festa do Ramo". Cada ano dous matrimonios son os encargados de organizar e correr cos gastos da función da Nosa Señora (primeiro domingo de setembro) e do Sacramento (o domingo seguinte) e de pasar o Ramo aos seguintes “funcionistas”.

Descoñécese a orixe da festividade, da que se conserva documentación dende o século XVIII, transmitida de xeración en xeración ata os nosos días. Poida que a festa teña unha orixe pagán, de celebración das boas colleitas tralo verán, cristianizada e vinculada hoxe en día á celebración dos matrimonios cristiáns, xa na súa etapa de madurez, e ao agradecemento dos logros e froitos destes matrimonios.

O elemento simbólico da festa é a elaboración e transmisión do Ramo, do que se encarga unha parella por quendas establecidas por antigüidade na parroquia.

O rexistro dos que casaron ou asentaron na igrexa de Bemil vai indicando a quen lle toca, por orde de casamento, sendo a única condición que sigan vivos os dous membros da parella e que continúen vivindo na parroquia.

O matrimonio encárgase de elaborar o ramo e deberá entregarllo como testemuña ao seguinte matrimonio trala misa do domingo, continuando así a cadea. Tres días de laborioso traballo, axudados por familiares, amizades e veciñanza, xa que deben atender tamén á decoración dos distintos puntos de referencia e, como non á organización dos actos relixiosos, ás ceas e comidas, fogos, música e todo o que isto implica. A isto hai que engadir os dous días de celebración do ano anterior no que se colle o ramo, facendo así todo o proceso un total de cinco días de festa. Pero ser ramista implica tamén outra serie de obrigacións ao longo dese ano, especialmente na atención da igrexa parroquial. Como é de supoñer, o esforzo organizativo e económico é altísimo, só equiparable ao orgullo da parella ramista.

Semella que o ramo existe noutros lugares pero só de xeito simbólico, sen ramallo físico ou de porte máis escaso. Pero en Bemil o ramo elabórase realmente, de maneira física e cun tamaño considerable. Leva mirto no entramado e non poden faltar algunhas plantas específicas como as chamadas “varas de San José”. Del colgan todo tipo de viandas (pan, froitas, verduras, doces...) e leva na base unha grande rosca, representando todos estes elementos a prosperidade para a familia. Do ramo pende unha figuriña que alude ao alcume ou ocupación da familia á que se lle entrega. Saen da casa coas mellores galas portándoo en procesión e lévano á igrexa, ás veces dende longa distancia, onde entregan a testemuña nun acto solemne. Alí esperan o resto de veciños expectantes. Os actos relixiosos inclúen unha procesión ao redor da igrexa cunha parada na parte posterior. Na decoración desta parada, atópase outro elemento curioso e importante vinculado a esta celebración que é a colocación de varios pratos de trigo xerminado, cun proceso de elaboración que implica un coñecemento experto dunha persoa transmitido durante xeracións.

Aínda que chama a atención o esforzo e engalanamento de cada detalle, é destacable sobre todo a ilusión e orgullo co que a xente o vive e o vínculo veciñal que se establece.

 

http://ocampoenfestas.blogspot.com.es/p/santisimo-sacramento.html
https://www.youtube.com/watch?v=-9FHLnBrIoY
https://www.youtube.com/watch?v=74kv_kOU6_A

 

 

Mensaxes