Muíños de A Lavandeira

 

Parroquia: Santa María de Bemil
Lugar: A Lavandeira

Os muíños de A Lavandeira, son un conxunto de catro muíños que se abastecen da mesma canle situándose de maneira encadeada e en pendente, como en cascada, nun curto espazo.

O seu emprazamento está na mesma aldea de A Lavandeira. Os veciños comentan que non tiñan nome propio e que todos eran coñecidos como Muíños da Lavandeira.

Pegado ao río se sitúa o máis antigo (muíño 1), orixinalmente de dúas rodas, pero que cunha remodelación de principios do S.XX pasou a ter unha soa.

A boca do inferno sitúase baixo unha escaleira que baixa case ata o río. Actualmente é empregado como alboio.

No ano 1903 constrúese unha casa-muíño anexa (muíño 2) que cubre a canle de entrada do antigo muíño (muíño 1) pero sen obstruíla, deixando libre o paso da auga.

Este novo muíño (muíño 2) é de dúas rodas pero na parte posterior podemos ver tres canles de entrada, dúas que se corresponden coas súas moas e unha terceira correspondente ao muíño vello anexo.

Este segundo muíño está hoxe rehabilitado como vivenda.

Estes dou muíños aproveitaban á súa vez a auga que procedía dunha cota superior, onde se construíran dous muíños máis, tamén de dúas rodas cada un.

Así, o terceiro dos muíños documentado (muíño 3), a escasos metros do muíño 2, está en estado de abandono e, por último, o muíño 4 situado a maior cota de todo o conxunto está acondicionado e foi recentemente transformado en asador e en vivenda.

Aínda conserva un pé e moa no interior.

 

Mensaxes