Tesouro de Caldas - Depósito das Silgadas: Imaxinario popular e hipóteses

Os tesouros, pola súa forte carga mítica constitúen un capítulo particular na investigación antropolóxica. Moita desta mitoloxía está vinculada a contos ou lendas de tesouros acochados baixo penedos con petróglifos, en castros da Idade do Ferro ou en xacementos arqueolóxicos de todo tipo.

As lendas relacionan os tesouros con seres máxicos e contos exemplarizantes. Xeralmente trátase dos tesouros das mouras, unhas personaxes da mitoloxía tradicional galega que nada teñen que ver cos mouros musulmáns, senón cun ser fantástico oposto ao humano, pero que ao mesmo tempo representa algúns dos seus anhelos como a posesión de grandes riquezas. Son notorios os casos de petróglifos esnaquizados para comprobar a existencia do tesouro baixo os penedos ao longo da nosa xeografía máis achegada (Laxe dos Cebros en Oia, Outeiro das Mouras en Salcedo, Pontevedra, ou Coto do Boi en Estacas, Fornelos de Montes, por citar algúns coñecidos). O mesmo sucede coas mámoas, furadas e gravemente danadas na procura de tesouros imaxinarios.

Estas lendas mitifícanse e se acrecentan aínda máis coa aparición casual dalgún deles como é o caso deste Tesouro das Silgadas, no lugar da Canle.

Foi unha circunstancia meramente casual a que posibilitou o achado do deposito ou acubillo destas pezas de ouro prehistóricas, cun peso total estimable en 28 Kg. (dos 28,650 Kg. de ouro atopados foron fundidos 13,750 Kg).

Hai máis de 60 anos que se atoparon estas pezas, concretamente o dia 20 de decembro do ano 1.940. O lugar era daquela unha zona de labranza denominada As Silgadas (A Canle, Sta. María de Bemil), situada ao NO., e na contorna inmediata da vila de Caldas de Reis. Segundo os datos publicados por X. M. Domato e B. Comendador foi un labrador, Amalio Touceda Devesa, quen deu co áureo depósito cando estaba a traballar xunto con outros compañeiros na citada finca facendo os buratos para colocar os postes dunha viña. Algunha destas pezas quedoulle enguedellada na ferramenta coa que traballaba sen que nun principio o home se fixera cargo do que aquilo representaba. Axiña, cando asollou varios aros enguedellados foi cando reparou na importancia do achado.

Era de esperar que unha vez coñecido este suceso xurdiran innumerables especulacións e versións do mesmo polo que resulta complicado estimar que hai de certo ou de inventado nos relatos. De todos os xeitos considerase que todas elas teñen interese se temos en conta asemade que se trata dun documento social que non so atinxe á vila de Caldas e aos seus moradores, senón á historia e antropoloxía de toda Galicia.

No decurso do traballo de campo de prospección, cando foi realizado o catálogo de xacementos arqueolóxicos de Caldas de Reis, no ano 1998, a arqueóloga e antropóloga Ana Filgueiras, consignou algunhas destas versións xa que considerou que podían achegar máis pistas sobre as condicións da descuberta, ou alomenos polo valor como documento social e incluso antropolóxico posto que o suceso desencadeou a posta en marcha ou a reactivación da tradición oral de Caldas, dando lugar a relatos nos que se mestura o pensamento mítico coa lóxica da razón histórica.

Así, unha versión que se consignou por parte dun parente do descubridor, de 81 anos, explica como estaban os homes a colocar os postes para aramar a finca cando nun momento dado saíulles un dos aros que guindaron aos pes dun deles, para moquearse del insinuando que o podía empregar para o carro de radios. Sen lle prestar atención, o aro quedou no chan, ata que matinando caeron na conta que a peza estaba pouco comesta para ser de ferro, botaron novamente man dela e repararon que era de ouro, e entón cavaron máis ata asollar o resto do tesouro. Indicou o relator que apenas se atopaba este a 20 cm. de fondura entre a terra xabrenta. A disposición ordenada das pezas parecía indicar que estas estarían colocadas dentro dun recipiente do que non quedaron restos. Así asegura que as pezas estaban metidas nunha especie de caldeiro de metal que axiña se pulverizou, non podendo precisar se era de cobre ou bronce, mais de ferro tiña a certeza de que non.

Noutra versión do suceso da que deu conta unha muller indícase asemade que o tesouro estaba tapado cunha lousa.

Segundo Xoan Domato e Beatriz Comendador, pola colocación agrupada e ordenada das pezas no acubillo podería deducirse que estaban dentro dun recipiente elaborado de materiais perecedoiros, un saco ou cesto por exemplo.

Unha vez finalizada a xeira de traballo e coas pezas agachadas na chaqueta levouse a cabo o repartimento das mesmas entre Amalio e un curmán seu. Acubilladas nas respectivas casas, os dous homes procurarían logo a venda das mesmas para obter cartos despois de desistir de fuxir a América.

Novamente a versión que recolleu Ana Filgueira referiu que o tesouro foi cargado en sacos e repartido na casa do propietario da finca, parece que, como da cobiza xurde a desconfianza, coidaron entre todos facer a repartición fóra da casa, na porta da mesma por si no interior acontecía que algún puidera ter en mente coller algunha ferramenta para agredir aos outros e quedarse así coa maior parte do botín.

Nalgún relato cóntase que esa mesma noite os descubridores brindaron con viño nos propios copos de ouro atopados para celebrar a boa sorte que tiveran e pechar o acordo do reparto.

Sábese que foi na cidade da Coruña onde deu comezo o proceso de venda dalgunha das pezas mentres que outras irían parar a unha xoiería viguesa desde onde partirían a Portugal con destino a Sevilla, onde foron finalmente fundidas.

A aparición foi coidadosamente ocultada para poder ser máis rendible o achado aos seus descubridores. Pero é moi difícil ocultar tal feito ante a opinión pública, sendo ademais varias as persoas implicadas, e pouco a pouco foise sabendo entre a xente a aparición do magnífico achado.

Cando era notorio quen eran os implicados na descuberta, foron detidos pola garda civil da vila e tras ser mallados no cuartel, segundo relata a veciñanza de Caldas entrevistada por Ana Filgueira, contaron o que acontecera ata ese intre arredor do Tesouro. O feito arrepiante das torturas aos protagonistas da historia encheu de escuridade a descuberta, sen que transcendese o lugar exacto do achado nas Silgadas.

As pezas requisadas seis meses despois da descuberta foron depositadas na sucursal do Banco de España en Pontevedra e finalmente trasladadas definitivamente ao Museo de Pontevedra onde permanecen arestora. Pagada a fianza, os acusados quedaron ceibes sendo eles mesmos os que indicarían o lugar do achado ao daquela comisario provincial de escavacións, Fermín Bouza Brey, quen publicaría a noticia.

Diferentes interpretacións sobre o achado

No que atinxe ás diferentes interpretacións sobre o achado, apúntase que o ouro era daquela, como hoxe, un material reservado para a elaboración de adornos persoais e que tería asemade un significado simbólico e ritual. Porén, os aros de ouro non se consideran adornos senón un xeito de lingotes que terían como finalidade atesourar o prezado metal.

Outras hipóteses máis peregrinas apuntan á posibilidade de que se trate de pezas adscribibles a distintos momentos da prehistoria que serían agochadas en diferentes datas ao perder o seu valor como elementos de prestixio, conservando unicamente o valor do metal. Na mesma liña vénse considerando tamén que o punto onde foi soterrado podería tratarse dun lugar neutral onde se fixeran transaccións comerciais por parte dunha sociedade xerarquizada baseada nunha economía de intercambio de bens de prestixio. Outra hipótese é aquela que considera a orixe deste depósito de pezas de ouro como parte do enxoval do enterramento dalgún personaxe principal, feminino ou masculino, naqueles remotos tempos. En relación con isto a investigación arqueolóxica enuncia esta posibilidade poñendo en relación as cuncas e a xerriña con rituais funerarios nos que se empregarían sustancias ou bebidas estimulantes tal e como parece acontecer coa concorrencia de vasos campaniformes en monumentos funerarios. Sobre isto cómpre considerar que no pasado relixión e ideoloxía era unha mesma categoría de pensamento a penas desvencellado do pensamento mítico.

A arqueóloga Filgueiras apunta que en todas as investigacións arredor do Tesouro de Caldas se obvia a dimensión simbólica do lugar da descuberta, consonte a isto e ao desenvolvemento posterior da vila de Caldas é preciso considerar a importancia deste espazo como centro cultural.

En referencia á interpretación do acubillo das pezas de ouro en época prehistórica, e especialmente neste caso pola singularidade das pezas, considera que as hipóteses arqueolóxicas, por regra xeral, adoecen de seren moi técnicas e por tanto excesivamente materialistas. Así, apenas se consideran aspectos antropolóxicos que nos permitirían establecer modelos comparativos máis afíns ás sociedades do pasado. Moito habería que dicir ao respecto e se precisaría dun estudo a fondo no que habería que partir de novos posicionamentos teóricos e metodolóxicos.

Actualmente a zona das Silgadas onde se fixo o descubrimento é unha zona de expansión urbana de Caldas de tipo residencial. Con motivo da construción de varios chalés foi desmantelado o terreo polo que arestora non é posible a súa inspección directa xa que o solo está parcelado en fincas particulares pechadas.

De igual modo a superficie restante de monte denominado As Silgadas está totalmente abandonada e polo tanto deteriorada, a plantación masiva de eucaliptos e a leña ciscada impiden visualizar o chan, porén, pódese observar a escasa potencialidade do terreo nas xabreiras ou fochancas escavadas para obter xabre, especialmente nun cotarelo onde se empraza un pombal en ruínas pertencente á casa da Canle. É lamentable tamén observar a neglixencia cometida pola apertura dunha especie de canteira no sector SE das Silgadas entorno ao ano 2004, transformada nos últimos anos en pista de trial. Este brutal desmantelamento do terreo, sen ningún tipo de control arqueolóxico, ven a destruír e agravar os problemas sobre o coñecemento dun emprazamento tan singular.

Queda, como reminiscencia do achado, o simbólico nome de Rúa do Tesouro para unha das súas rúas.

(fonte: Inventario da Xunta de Galicia redactado por Ana I. Filgueiras Rey. Foto: Deputación de Pontevedra)
(Xoan Domato e Beatriz Comendador: “El Tesoro Desencantado, As Silgadas, Caldas de Reis”editado polo Concello de Caldas no ano 1998).

 

Mensaxes