Camiño Portugués de Santiago

Tipo: Vía
Cronoloxía: Idade Media
Ficha PXOM: S-013, 014 e 015

Durante o século XII o culto xacobeo acada o seu maior esplendor, intensificando as rutas de peregrinación cara o santuario Compostelán. O occidente de Europa non estará alleo a este culto, tendo en Portugal unha proxección destacada.

A ruta aséntase sobre antigas vías de paso, e foi testemuña dunha experiencia colectiva que trouxo (e continúa traendo) cara Galicia numerosas xentes vindas de todos os recunchos de Portugal. Este devir de persoas ao longo do camiño fraguou un fecundo intercambio de cultura.

O camiño vai percorrendo a nosa xeografía remarcando o seu trazado mediante cidades e conxuntos históricos, santuarios, cruceiros, pazos, petos de ánimas, pontes, e ademais un rico patrimonio natural en forma de bosques autóctonos, ríos e regatos, terras de labor e aldeas tradicionais.

Ao seu paso por Caldas non son alleas estas características, xa que a ruta, como non podía ser doutra maneira atravesa por camiños herdeiros da vía romana XIX.

Construída no século I d.C., en tempos de Augusto, e coñecida polas fontes clásicas, polo chamado Itinerario de Antonino. O camiño ao longo de Caldas e de Pontevedra está trazado sobre a depresión meridiana de Galicia que empalma coa depresión do Umia máis ao norte para chegar ata Compostela nun trazado chan e fácil de transitar para a peregrinación.

Ao paso polo concello de Caldas a ruta atravesa diferentes lugares de interese como o núcleo de Tibo, coa súa fonte, o cruceiro e un lavadoiro. Xa en Caldas de Reis, a igrexa de Santa María de Caldas, de principios do século XIII, ou a Igrexa de Santo Tomás Becket, construída a finais do século XIX coas pedras da Torre de Dona Urraca, onde nacera Afonso VII, esta igrexa representa o único templo galego dedicado ao Santo Arcebispo de Canterbury, quen se di que camiñou de peregrino a Compostela. A ponte sobre o río Umia; a fonte de augas termais; a Ponte medieval do río Bermaña... e ao seu paso polo límite leste de Bemil pasa polo núcleo da Lavandeira, transitando á veira do río Bermaña, deixando 300 m. cara o oeste a Igrexa de románica de Santa María.

Continúa o Camiño nunha suave pendente cara o conxunto de Santa Mariña de Carracedo; atopamos logo o Casal de Irixo e O Pino entrando logo nos bosques do Monte Albor, percorrendo entre antigos muíños xa no Concello de Valga.

Mensaxes