Asentamento romano da Pedregueira

 

Tipo: Asentamento
Cronoloxía: Época romana

O carácter de mansio de Aquis Celenis, localizada nunha vía militar como era a vía XIX, implicaba a acotación dun lugar escollido para a instalación dun campamento militar permanente, base de descanso das lexións que ao servizo dos gobernadores provinciais e dos legados imperiais tentaban someter á poboación indíxena impedindo que se rebelasen.

As dúas estelas funerarias de militares pertencentes á Legio X Gemina atopadas en Caldas son testemuña diso. Sobre isto Hipólito de Sa propón unha localización para o devandito campamento romano que sitúa no lugar coñecido como A Pedregueira, en Outeiro (Santa María de Bemil) nunha pequena cuíña arrodeada de muros e dividida en planos na que aparecen restos de tégulas, ladrillos e material de construción romana.

(fonte: Inventario da Xunta de Galicia redactada por Ana I. Filgueiras Rey)

Porén, a localización destes restos materiais non é evidencia suficiente para asegurar que neste emprazamento se situase un campamento militar.

O que si queda claro pola tipoloxía e cronoloxía dos materiais é que neste lugar emprazouse algún tipo de asentamento romano, habitacional, industrial,... pero non necesariamente militar.

Foto da "Estela dos Lexionarios ": wikimedia .

Mensaxes