Vía XIX e XX do Itinerario de Antonino

Tipo: Vía
Cronoloxía:   Época romana

Segundo a documentación histórica romana, dúas vías de paso principais atravesarían a provincia de Pontevedra de sur a norte, a vía romana XIX, e a vía XX, ou “per loca maritima” (pola costa).

Non hai dúbida sobre a localización da vía XIX que aproveita a depresión do Umia para facilitar o seu trazado cara o norte. Máis controvertida é a localización da XX, xa que non aparecen citadas as “mansios” anteriores a “Aquis Celenis” no seu trazado cara Lugo (as “mansios”, son lugares de descanso e apeadeiro das persoas viaxeiras, con edificacións onde comer e descansar, dar de beber e comer aos cabalos, mantemento e reparación de carruaxes...); a investigación histórica atribúeno a unha falla, ou defecto, no documento antigo, ou máis ben, a que a vía tería seu lugar de saída na vila de Caldas.

Dende aquí desprazaríase cara a costa en dirección a “mansio” “Vicus Caporum” (a vila dos Cáporos), sobre a que hai controversias tamén, se se trataría de dun lugar na contorna do Castro de Baroña, Porto do Son, ou, a máis fiable, localización nas inmediacións do río Sar onde habitarían, segundo as fontes antigas, os Caporos.

O coñecido como Itinerario Antonino é o máis fiable dos documentos antigos conservados para referirse ao viario romano a través de Pontevedra. Durante o século III d C. o xeógrafo Antonino recompilou todas as vías romanas neste documento, hoxe en día imprescindible sobre xeografía e administración do imperio.
A través deste documento sabemos que a vía romana XIX uniría “Bracara Augusta” (Braga) con “Asturica Augusta” (Astorga) pasando por “Lucus Augusti” (Lugo). E que a vía XX desprazaría os viaxeiros pola costa para achegarse ata Lugo a través do Golfo Artabro.

No documento aparecen reflectidas cos seus nomes todas as “mansios” dos dous itinerarios. As “mansios”, son lugares de descanso e apeadeiro das persoas viaxeiras, con edificacións onde comer e descansar, dar de beber e comer aos cabalos, mantemento e reparación de carruaxes...Estes lugares teñen unha significación histórica transcendental, pois moitos deles serviron para desenvolver lugares de asentamento que incluso, dun xeito ou outro, axudaron ao desenvolvemento urbano vinculado a estes camiños históricos. Citados na documentación válennos para identificar os lugares e os trazados das vías romanas.

No itinerario Antonino hai unha “mansio” citada para os dous viarios XIX e XX, cuxa localización non trae lugar de dúbidas: “Aquis Celenis”, identificada claramente con Caldas de Reis. O paso destes dous camiños, xunto coa riqueza e calidade das súas augas axudaría ao desenvolvemento da vila de Caldas dende tempos antigos.

Mensaxes