Tesouro de Caldas - Depósito das Silgadas

Nome oficial: Xacemento das Silgadas
Código Inventario: GA36005016
Ficha do PXOM: X-016
Tipo: Asentamento
Cronoloxía: Idade do Bronce


Descrición:
O día 20 de decembro do ano 1.940 atopouse de xeito casual nunha zona de labranza o coñecido como Tesouro de Caldas 1 – Depósito das Silgadas.

Do achado orixinal de 14,900 Kg. en pezas de ouro conserváronse tralo seu espolio un total de 41 pezas: 17 aros abertos e 8 aros pechados de forma elíptica, 1 aro grande de paletas (870 grs.), 1 aro aberto de forma triangular, 1 aro de sección cadrada,1 peite con vinte catro dentes (63 x 85 mm. e 200 grs.), 2 cuncas de asa lateral, 1 xerriña de asa lateral, 3 anacos de barra, e 6 anacos de lamina decorados dunha posible fita de ouro.

O depósito ten unha adscrición crono-cultural do denominado Bronce Antigo (1.800 a.C.) constitúe o máis grande atesouramento de ouro coñecido nese momento de toda Europa Occidental.

No que atinxe á procedencia do metal e a técnica de traballo empregada para a elaboración das distintas pezas hai un estudio realizado polo investigador alemán A. Hartmann que ven achegar datos de interese. Así, das análises tiradas das pezas conclúe que todas elas foron realizadas con ouro de procedencia aluvial de gran pureza. Estimase que se precisarían entre 16 e 17 persoas batendo as areas dos ríos auríferos durante un ano para conseguir o ouro necesario para facer as 41 pezas conservadas.

Varias son as técnicas de traballo empregadas nas diversas pezas, así hainas realizadas con molde, outras con laminado do ouro para a realización das diademas, para as cuncas empregaríase a técnica da fundición á cera perdida e o torno para as decoracións incisas, estes últimos datos representan unha importante apreciación, xa que, segundo Xoan Domato e Beatriz Comendador, tanto a técnica da cera perdida coma o torno aínda non se consideraban inventadas nestas datas temperáns da Idade do Bronce.

En canto a forma e decoración o peite semella reproducir modelos realizados en madeira ou oso cunha clara filiación estilística de carácter autóctono. Por outra banda estas pezas de Caldas son similares a outras achadas en diferentes puntos da Europa atlántica en contextos funerarios do Bronce Antigo, así as cuncas son semellantes a outras asolladas na antiga Armórica (Bretaña francesa), e SO. das Illas británicas (Cornualles).

Neses casos trátase de enxovais de tumbas ou túmulos de persoeiros de alto rango entre as que destacan armas de gala, xoias e vasillas fabricadas en materiais nobres como ouro, ámbar, lignito... Comparten ademais estas zonas co NO. peninsular o ser territorios privilexiados pola riqueza de xacementos de estaño.
No que atinxe ao territorio galaico coñécense pezas semellantes ás de Caldas na Estrada, Agolada, Porriño, Santa Comba... Trátase de aros ou brazais, anacos de diademas laminadas, etc.

Desde o punto de vista fisiográfico o lugar presenta boas condicións de emprazamento considerando posibilidades estimadas noutros tempos para situar nel unha pequena necrópole ou asentamento. Situado na cabeceira dun val, desde el albíscase unha ampla panorámica de Caldas, especialmente visible é a zona de A Tomada, Pedra do Pan e Cabezafeita, na parroquia de Santa María, onde se situaba un importante asentamento romano, probablemente Aquis Celenis.
(fonte: Inventario da Xunta de Galicia redactada por Ana I. Filgueiras Rey. Foto: Deputación de Pontevedra)
(Xoan Domato e Beatriz Comendador: “El Tesoro Desencantado, As Silgadas, Caldas de Reis”editado polo Concello de Caldas no ano 1998).

Mensaxes