Castro de Follente

Nome oficial: Castro de Follente
Código Inventario: GA36005012
Ficha do PXOM: X-012
Tipo: Castro/Asentamento Fortificado
Cronoloxía: Idade do Ferro

Descrición:
Pese ás destrucións que sufriu o castro, atópase en bo estado e pódese distinguir perfectamente o seu sistema defensivo. Ten unhas dimensións enormes de 210 m. por 160 m. nos eixos Leste-Oeste e Norte-Sur respectivamente na croa, que ten forma elíptica. A croa posúe un parapeto interno de 0,80 m. no L e de 3 m. no Oeste, chegando a sobrepasar nalgún puntos os 4 metros de anchura. No Sueste, a croa posúe unha entrada. A croa está rodeada por unha gran terraza, formada por un parapeto de gran tamaño co caída de 0,50 m. ao interior, polo que forma un pequeno foxo na croa; a terraza esténdese dende o Oeste ata o Norte en “senso contrario” ás agullas do reloxo, aínda que ao Norte e Nordés perde envergadura, de 25 m. de ancho e 6 m. de altura. Esténdese na mesma dirección ca anterior e como a outra pérdese ao Nordés.
(fonte: ficha de inventario da Xunta de Galicia redactada polos arqueólogos Vicente Caramés Moreira e Manuel Alfonsín Soliño)

Castro de dimensións apreciables e estrutura que, pese á súa aparencia sinxela, é certamente complexa. Consta dun recinto habitacional en aparencia único, oval, de grandes dimensións, rodeado en todo o seu perímetro por un parapeto de tamaño variable, lixeiramente recortado ao Oeste polo noiro da autopista, Este recinto central estrutúrase en dous niveis aterraplanados, máis elevado ao Oeste. Rodea ao parapeto un foxo que, pese a ser máis visible nalgúns puntos que noutros, parece perimetral. Por diante del apréciase un antefoxo, moi evidente ao Sur e Leste, arrasado presumiblemente ao Norte e menos visible ao Suroeste. Cara ao Sur localízase o acceso orixinal, cunha interrupción do parapeto central e un ancho rebaixe no antefoxo, hoxe moi oculto pola vexetación.
Aínda que a zona esta alterada por pistas e un merendeiro, cara ao Sur, Suroeste e Sueste sucédense unha serie de niveis aterrazados, algúns talvez naturais, con afloramentos visibles, pero outros claramente artificiais. É nesta zona de socalcos onde se concentran toda unha serie de estruturas variadas (fosas, gabias, etc.) localizadas na gabia do gasoduto e que debuxan unha contorna moi rica, cunha expansión do xacemento moito maior da previsible. Así mesmo cara ao Leste o gas puxo ao descuberto unha longa gabia rectilínea paralela ao foxo e parapeto e xusto anterior ao comezo dos socalcos desa zona.
A Actuación Especial desenvolvida na area circundante ao castro en conexión cos traballos de Corrección de Impacto Arqueolóxico da Rede de Gasificación de Galicia permitiu documentar un notable conxunto de elementos que se sitúan na mesma liña doutros rexistrados en condicións semellantes, por exemplo na contorna de castros circundados polo oleoduto Coruña-Vigo ou en xacementos semellantes afectados polas propias obras da rede de gasificación de Galicia (por exemplo o castro de Cameixa en Boborás, Ourense ou o xacemento de Mirás en Ames, A Coruña). Con todo o castro de Follente acusa unha notable especificidade dado que non só concentra un numero e variedade de elementos periféricos moito maior que o de calquera outro castro senón que estes elementos conforman unha serie de espazos funcionais diversos, bastante ben documentados. A isto hai que engadir que o conxunto de estruturas asociadas ao castro de Follente esténdese a moita máis distancia das estruturas visibles do castro do que ocorra con calquera outro caso ata a data documentado, ensanchando de forma apreciable o perímetro de delimitación do xacemento.
O conxunto de estruturas e materiais documentados indican a existencia de polo menos catro espazos funcionais externos ao xacemento castrexo propiamente dito.
En primeiro lugar a area de acceso, situada ao sueste do recinto habitacional. En superficie identifícase con claridade o acceso orixinal ao recinto central por este punto sueste, a través da interrupción consecutiva do parapeto perimetral e o antefoxo. Neste punto a gabia do gas permitiu comprobar como o sistema de entrada ao poboado complícase aínda máis a través da existencia de estruturas lineais accesorias, pequenos foxos exteriores. Ademais púidose documentar a proxección cara ao exterior do foxo principal do castro, que se ramifica e avanza en sentido radial respecto ao castro, conformando unha das tipoloxías habituais de sistemas de acceso a recintos fortificados castrexos.
En segundo lugar un complexo espazo de cultivo localizado cara ao sur. Trátase dos fundamentos dun bancal posteriormente fosilizado e reutilizado en épocas recentes. Os perfiles da gabia mostran a existencia dun antigo chan de cultivo enterrado a máis dun metro de profundidade e que se estende ao longo duns 50 metros lineais. Este chan de cultivo proporcionou numerosos restos de cerámica da Idade do Ferro, moi rodada e fragmentada. O espazo de labrado completaríase cun area construída cara ao oeste, testemuñada por un nivel de escombro con cerámica menos fragmentada e sen rodar, á que talvez caiba dar un valor de construción accesoria, non habitacional. A escasos metros de todo iso discorre un camiño cuxa caixa orixinal debeu ser profunda, hoxe enchida por sucesivos arrastres de material, que talvez dese servizo a esta zona. O conxunto de bancal, chan de cultivo e construción estaría posiblemente delimitado e, en certo xeito, defendido por un foxo lineal duns 5 metros de anchura e máis de 2 de profundidade que parece delimitar o perímetro exterior da terraza. Un pouco máis ao sueste, xa en zona de forte pendente, é posible identificar trazas dun novo aterrazamento para o cultivo, aínda que neste caso carecemos (polo momento) de indicadores directos da súa vinculación co castro.
Entre estes dous espazos funcionais esténdese unha zona intermedia na que tamén se identificaron estruturas con material asociado pero que ofrecen unha lectura tipolóxica máis incerta. Non pode descartarse que se trate de elementos de delimitación de espazos funcionais diferentes, desvirtuados pola erosión que afectou a esta zona e é causa. Por exemplo, da colmatación de estruturas próximas situadas a menor altura como a caixa de camiño ou o foxiño anexo ao sistema de acceso.
Finalmente cara o leste do castro, a zona en principio máis complexa da contorna, os datos obtidos permiten afirmar a existencia de estruturas artificiais importantes, a excepción dun amplo foxo lineal de anchura e profundidade modestas, que constitúe un elemento de reforzo do sistema defensivo principal do xacemento no punto no que, por outra banda, a accesibilidade natural é xa reducida.
No que atinxe á adscrición crono-cultural de todos estes elementos, a aparición de material asociado durante os traballos de escavación facilita o traballo e permite disipar dúbidas ao respecto. Entre o material atopado aparece cerámica castrexa tardía e tégula, ademais doutros materiais de orixe romana en menor medida. Todo ilo remítenos a un momento avanzado dentro do mundo castrexo, xa baixo o imperio romano, se ben mantendo aínda un forte peso das tradicións indíxenas. Esta adscrición enlaza bastante ben cos resgos formais do xacemento que permiten situalo tamén como castro desenvolvido. A abundancia de material indíxena e o carácter temperán dos materiais romanos asociados fan difícil a posibilidade de que se tratasen de testemuñas de ocupación posterior.


As medidas reais totais do conxunto alcanzan os 230 m. por 290 m. nos seus eixes maiores (N-S e L-O). O recinto central mide nesas mesmas direccións, 170 m. por 180 m. aproximadamente. O parapeto perimetral alcanza os 4 ou 5 metros nalgunhas zonas loxicamente variable.
En canto á zona con estruturas periféricas ao S. Podemos dar unha dispersión aproximada de 220 m. en sentido S-SO.
(fonte: texto engadido á ficha de inventario da Xunta de Galicia redactado polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Patricia Mañana Borrazás)

Imaxe L.I.D.A.R. obtida do I.G.N.

 

A lenda da “muller do encanto”

Entre o Monte do Castro de Follente e o Monte Petelo, cara o Castro de Outeiro, perdeuse unha chave de ouro, e perdeuna a muller do encanto, e soamente a pode atopar ou a “llanta do carro ou pé de ouvella” porque rastrexa”.

Jesús González Crespo, nado no lugar de Follente, escoitou esta historia un día a D. Hipólito de Sá, historiador caldense, e D. Emilio, tenente da Garda Civil, mentres el e a súa nai andaban a traballar no monte a mediados dos anos 60 do séc. XX. Os dous homes subían en traxe de faena cara o Castro de Follente e ían comentando esta historia que seguramente eles mesmos recolleron no lugar. O chamativo dos persoeiros, a súa indumentaria pouco habitual e as características da propia historia, fixeron que para Jesús quedase coma unha anécdota imborrable.

Mensaxes