Casa-Torre do Couto de As Silgadas

Tipo: Castelo
Cronoloxía: Idade Media

No lugar que hoxe coñecemos como as Silgadas (ou as Xilgadas nalgunha referencia) puido localizarse unha fortaleza que chegaba dende aquí ata o Campo da Torre. Esta teoría deriva do seu nome que, segundo a investigación etimolóxica, podería derivar de Circadis (convertendo o “C” en “S” e o “K” en “G”), espazo cercado, que é como se refire na documentación histórica a unha das torres alí atopadas, “casa de Circadis”.

A primeira delas é a “Torre de Dona Urraca” que segundo a historiografía existiría nas inmediacións das Silgadas; unha torre defensiva do século XII, pertencente á Raíña Dona Urraca. A torre estaría localizada no lugar coñecido como Campo da Torre a carón da ponte do río Bermaña, nun espazo intermedio entre a vila e as Silgadas. Semella que no século XII a raíña pasaba longas tempadas, xunto ao seu fillo Afonso VII en Caldas, de feito atribúese esta torre como lugar de nacemento de Afonso VII, froito do seu matrimonio con Raimundo de Borgoña (Conde de Galicia). Froito deste interese da raíña, a vila pasou a denominarse Caldas de Rex, sendo vila de realengo e abadengo. Esta torre sería derrubada a finais do século XIX, para construír a igrexa de Sto. Tomé (Santo Tomás Becket).

A Torre de Pedro Suárez, sería a outra das torres, a que se refire na documentación como pertencente a Pedro Suárez, administrador real de Afonso VII. O rei Afonso VII herdaría esta propiedade dos seus pais e estaría cercada por un muro perimetral a dicir polas referencias que se fai dela como a “Casa Circadis”. Con posterioridade, o 28 de marzo de 1147, queda recollido na documentación histórica que Alfonso VII dona, entre outras pertenzas, esta torre, da que conta que fora propietario o seu administrador Pedro de Suayiz, ao abade do Mosteiro de Santa María de Carracedo, pasando deste xeito a ser propiedade da Igrexa. (fonte: Sa Bravo, Hipólito de: El Monacato en Galicia, Tomo II, pp. 434).

Con respecto ás Silgadas, queda documentado tamén que durante o século XV, pasa a ser un couto xurisdicional pertencente á liñaxe dos Bermúdez de Castro. O citan nesta época como “Couto das Silgadas” establecéndose a casa na finca de “A Canle”, onde hoxe se conserva unha entrada monumental ameada con data de 1600. Noutro documento de 1725 cítase o vieiro que comunica este lugar coa vila de Caldas como “Carreira do Conde”, neste século XVIII a propiedade é de Pedro Antonio de Gaioso Aldao, Conde de Gaioso. (fonte: Memoria Informativa do PXOM de Caldas de Reis, maio 2005).

Mensaxes