Capela de San Lourenzo Diácono e Mártir

Parroquia: Bemil
Lugar: O Outeiro
Ficha do PXOM: A-032

Capela de planta rectangular protexida por unha cuberta a dúas augas. Muros de cachotería reforzados por “opus vittatum” (alternando fiadas de perpiaño e cachotería) nos eixes estruturais da edificación. Fachada simple e sen ornamentos, coroada por unha espadana dun único oco e cunha cruz de remate.

Completa o conxunto unha fonte localizada a poucos metros da fachada. (fonte: ficha de inventario número A-032, do catálogo do PXOM).

Esta capela de San Lourenzo figuraría entre os bens que Alfonso VII doou ao Mosteiro de Santa Mariña de Carracedo, situado na parroquia de Carracedo (Caldas de Reis), daquela dentro do territorio de Iria, xunto á Casa Torre de Pedro Suárez nas Silgadas e outras pertenzas, segundo documentación histórica datada en 28 de marzo de 1147. A capela, á que se refire como igrexa, queda citada do seguinte modo na carta de doazón do Rei ao mosteiro:
“(...) o monte de otario (Outeiro) coa igrexa de San Lourenzo, as súas pertenzas e os seus homes (...)”
(fonte: Sa Bravo, Hipólito de: Caldas de Reis, Páginas históricas de la villa y de linajes de la misma y su contorno, Museo de Pontevedra, 1986)

Mensaxes