Mámoas de Monte do Castro

Nome oficial: Mámoa de Monte do Castro 1
Código Inventario: GA36005018
Ficha do PXOM: X-018
Tipo: Lugar funerario/Túmulo
Cronoloxía: Neolítico

Descrición:

A mámoa número 1 de Monte do Castro é un monumento tumular de época neolítica construído entre o 3800 e o 2700 a.C., que posúe unhas dimensións de máis de 18 metros de diámetro e unha altura máxima de 1,90 m.

Foi catalogado no ano 1992 tras sufrir un incendio que, segundo os seus redactores (o equipo de GAS-92), afectaría á súa masa tumular, arrastrándoa dende a parte central do túmulo cara ao leste como resultado de quedar exposta ao perder a vexetación. Así, a súa forma presentábase alongada cara este lado onde ao mesmo tempo ten máis altura (polo leste uns 80 cm. e polo oeste 60). Segundo ese mesmo rexistro o cono da violación é duns 20 cm. de profundidade. (Fonte: ficha de inventario da Xunta de Galicia redactada por GAS-92).

No ano 2016 a vexetación que cubría a mámoa foi eliminada e pode observarse o monumento con claridade, se ben a sedimentación depositada dificulta a observación de elementos estruturais, como podería ser a existencia de cámara funeraria ou dunha coiraza de pedras cubrindo o túmulo. O perímetro é bastante regular e circular, si ben a súa altura é moi variable. Trátase dun túmulo de dimensións considerables, duns 18,5 m de diámetro leste-oeste e 19 m no eixo norte-sur. Presenta cono da violación central cunha disposición lonxitudinal SE-NO, cun diámetro de 3,50 m no eixe norte-sur e 5,50 m no eixe leste-oeste, e que rolda os 0,50 m de profundidade. Respecto á altura do túmulo, o arco perimetral E- S é o de maior altura chegando a acadar entorno a 1,90 m. Pola contra, cara ao N e W, apenas levanta uns 0,90 m ou pouco máis. A súa posición nun resalte do terreo acentúa a topografía do túmulo presentando un aspecto máis esvelto dende o seu lado leste (cando se aprecia dende o camiño de chegada). Foi posiblemente esta disposición das terras a que aventurou ao equipo redactor no ano 92 na hipótese de que estaba arrasado cara o leste. Pero podería ser que efectivamente a masa tumular fose desprazada como resultado de perder a vexetación por incendios anteriores ou polo propio acopio de terras procedentes da violación da cámara. Ao respecto, so mediante unha escavación arqueolóxica se podería asegurar se a topografía garda relación co planeamento da súa construción orixinal, ou se polo contrario, sufriu un arrasamento por causa do lume e a exposición á intemperie. A topografía actual destes monumentos tan antigos, de máis de 5.000 anos, está sometida a moitos factores de erosión natural, ademais da humana como o amosa o seu gran cono de violación central.

Nome oficial: Mámoa de Monte do Castro 2
Código Inventario: GA36005036
Ficha do PXOM: X-036
Tipo: Lugar funerario/Túmulo
Cronoloxía: Neolítico


Descrición:
Uns 200 m. ao sur da Mámoa 1, moi preto, á dereita do camiño que sube cara o Castro de Paradela, pode verse outro túmulo cortado por unha pista que o limita polo seu lado N. As terras removidas para a apertura desta pista foron depositadas sobre o túmulo polo que se fai difícil precisar se é prehistórico ou non. (fonte: ficha de inventario da Xunta de Galicia redactada por GAS-92)

A superficie do lugar está moi alterada por moreas de terra e entullo orixinadas pola construción da estrada asfaltada.

A configuración deste espazo, nun rechán ao pé do outeiro do Monte do Castro, o caracteriza coma un espazo idóneo para a localización dunha necrópole tumular, aínda que na actualidade so se aprecia de xeito claro a Mámoa 1.

 

Nome oficial: Mámoa de Monte do Castro 3
Código Inventario: GA36005037
Ficha do PXOM:  X-037
Tipo: Lugar funerario/Túmulo
Cronoloxía: Neolítico


Descrición:
Nas fichas de Inventario da Xunta de Galicia situase esta mámoa uns 300 m. ao N/NL da Mámoa 1, nunha zona moi afectada por antigas plantacións forestais de eucaliptos, que seguramente alteraron a súa forma orixinal. Para tentar precisar a autenticidade destes dous túmulos (as mámoas número 2 e 3 de Monte do Castro) preguntouse daquela a dous veciños da zona, en referencia a toponimia do lugar, que non sabían da existencia de mámoas, medoñas, antas nin similar algún.
Porén, as características do seu emprazamento no vértice dunha pequena dorsal e a existencia doutros xacementos de igual tipoloxía nas proximidades, como é o caso da Mámoa 1, fan que reúna as condicións óptimas que reforzan as evidencias recollidas no Inventario.

A mesta vexetación dificulta na actualidade a súa localización.

(fonte: ficha de inventario da Xunta de Galicia redactada por GAS-92)

 

Mensaxes